Este mes na biblioteca…PRIMAVERA DAS LETRAS

Abril e maio están cheos de actividades! Aquí tedes un pequeno resumo das principais actividades que imos facer. No blog teredes más información sobre cada actividade en concreto.

Apúntate e participa!

“Común temos a patria. Unha biografía dos irmáns Villar Ponte”

Emilio Xosé Ínsua e Xurxo Martínez González están a presentar a súa biografía sobre os irmáns Villar Ponte, artífices das Irmandades da Fala e figuras senlleiras da cultura do noso país. Este martes 15 de maio preséntana na libraría Paz de Pontevedra.

Común temos a patria. libreria Paz. Pontevedra(1)

Esta é a sinopse do libro:

«Todo canto eu fixen se acha ateigado dun amor a Galiza que calquera poderá igualar, pero nunca superar.» A frase de Ramón Villar Ponte, igualmente aplicábel a seu irmán Antón, resume perfectamente o norte que guiou a intensa, continua e poliédrica actividade cívica, política, cultural, xornalística e literaria destes dous irmáns no sangue e na patria que idearon no seu día, «en parolas íntimas», as Irmandades da Fala. Desde a prensa, o folleto, a carta, o libro e a tribuna, os irmáns Villar Ponte resultaron decisivos na configuración dun tempo en que a lingua se fixo bandeira e Galiza comezou a se sentir nación plena á procura dos seus dereitos. Emilio Ínsua e Xurxo Martínez relatan esta singradura irmandiña botando man dunha inxente cantidade de documentos inéditos ou descoñecidos que permiten ofrecer un retrato complexo e axustado destes dous membros destacados da Xeración de 1916. Un esforzo de síntese ameno e rigoroso para dar conta dunha obra de magnitude e relevancia verdadeiramente xigantescas.

Aquí atoparedes a ligazón ao programa “Cada día un libro”, da TVG, no que fan unha recensión do libro. E aquí unha entrevista aos dous autores , nas que nos falan do proceso creativo desta biografía.

Noraboa unha vez máis polo excelente traballo, profesor Emilio! E pola túa contribución á dignificación da memoria do noso país.